O pobo xitano é orixinario da India e estableceuse en case todo o mundo debido ao seu carácter fundamentalmente nómade; aínda se rexe por leis propias e dedícase como medio de vida á venda ambulante, á artesanía, a tratar con gando etc. A orixe deste pobo, tamén coñecido como rom, roma ou romaní, é aínda hoxe obxecto de controversia. Existen varias razóns que explican a escuridade que envolve o asunto. En primeiro lugar, a cultura xitana é fundamentalmente oral e despreocupada pola súa historia[Cómpre referencia], por iso non conservou por escrito a súa procedencia. A súa historia sempre foi estudada polos non romanís, con frecuencia a través dunha peneira fortemente etnocentrista[Cómpre referencia]. Os primeiros movementos migratorios datan do século X, de forma que non hai moita información. É importante sinalar que os primeiros grupos de xitanos que chegaron a Europa occidental fantasiaban sobre a súa orixe, atribuíndose unha procedencia misteriosa e lendaria, en parte como estratexia de protección fronte a unha poboación ante a que eran minoría, en parte como posta en escena dos seus espectáculos e actividades[Cómpre referencia]. Outro problema que cómpre ter en conta é que a pertenza (ou non) á comunidade xitana é unha cuestión disputada. Non existe unha delimitación clara dentro da propia comunidade (nin fóra) acerca da cuestión de quen é xitano e quen non. As principais fontes de información son testemuñas escritas, as análises lingüísticas e a xenética de poboacións.
Developed by StudentB